Xamón

Xamón
25 de Abril, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Pata traseira do porco que se conserva logo de salgada e curada ao ar, ás veces afumado. Cómese en cru cortado en magras. A graxa entre veas faino máis xugoso. Pódese poñer tamén cocido ou asado.

Camilo José Cela defendía que o xamón galego había que comelo córtado en tacos. Volve o porco celta, criado en liberdade, a grande esperanza para volver coller o prestixio dos xamóns galegos.

Imos reproducir a “Oda ao xamón” de Don Ramón Otero Pedrayo.

Gloria do porco, frol da invernía,

Sona da casa, lapa de carne,

Xamón.

Densidá ilustre da cea sabia,

Gracia e potencia, rosa do pote,

Xamón.

Coallo dos froitos todos da terra,

Labio fresqueiro, mantenza antiga,

Xamón.

Febra xugosa, rica canteira

Onde se curtan limpos poliedros,

Xamón.

Benedictina fartura ilustre

De Oseira e Samos, coartel famoso,

Xamón.

Rei da lareira, carne petrucia,

Da Raza esgrevia gardas o zume,

Xamón.

De rica alquimia, Summa suprema,

Fariña, poma, landra, castaña,

Xamón.

Sal do fumeiro, na noite negra

Do viño en xerra, irmán doado,

Xamón.

Pai das artritis, das esclerosis,

Fidalgas doenzas do pazo antergo,

Xamón.

 

Aí vai a receita da ensalada de xamón: Cortar o xamón en lascas finas, botar unha cebola cortada en aros, unhas follas de leituga, dous tomates maduros cortados en cuarteróns, unhas olivas, un grolo xeneroso de aceite de oliva e unhas pingas de vinagre. Remexer con culler de madeira ou plástico, non metálica. ´Pódese adornar cun ovo cocido cortado en rodas e bo proveito.

Cultura

Publica o teu comentario agora