Xarnege e Grégory Jolivet no V Encontro coa Zanfona Contemporánea en Narón

Xarnege e Grégory Jolivet no V Encontro coa Zanfona Contemporánea en Narón

02 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O colectivo de Euskal Herría Xarnege e o xove francés Grégory Jolivet protagonizarán o V Encontro coa Zanfona Contemporánea que se celebrará en Narón entre os dias 13 e 15 do presente mes de marzo. Organiza o evento a Central Folque, Centro Galego de Música Popular coa colaboración do Padroado de Cultura do Concello de Narón.

O Encontro coa Zanfona Contemporánea que cada ano se vén celebrando en Narón por estas datas chega a súa V edición. Terá lugar entre o 13 e o 15 de marzal en diferentes puntos deste concello e reunirá a interesados por este instrumento milenario que está a rexurdir con moita forza nos últimos anos en toda Europa e baixo diferentes estilos e apreciacións.

O Encontro coa Zanfona Contemporánea convertíuse nun referente pedagóxico e escénico montado ao redor deste instrumento milenario cunha orientación moderna para dar a coñecer as últimas e variadas tendencias da zanfona. A repercusión deste festival chega a unha grande parte do público interesado neste tipo de músicas pola especificidade da proposta e a achega de “maestros” internacionais á Ferrolterra.

Os anos anteriores viñeron até Narón uns dos mellores representantes europeos deste instrumento: Valentin Clastrier, Gilles Chabenat, Marc Egea ou os galegos Anxo Lois Pintos e Óscar Fernández.

O mestre invitado é Grégory Jolivet, un novo valor do centro de Francia cunha longa experiencia nos escenarios. Dado a coñecer internacionalmente logo de sustituir ao mítico Nigel Eaton como zanfonista da histórica banda inglesa Blowzabella e cunha sólida traxectoria como solista e en formacións de dúo e trio. Compartirá escenario nos concertos do venres no Auditorio de Narón con Xarnege, un colectivo transfonterizo de bascos e gascóns.

Ademais haberá actuacións do dúo Sobre Rodas -Carlos do Viso e Luis Caruncho- na feira do 13 en Sedes e farán concertos artístico-didácticos para escolares do concello.

Na parte máis teórica do Encontro, estarán o investigador Xulio García Bilbao e Luciano Pérez do obradoiro musical e arquivo documental Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Deputación de Lugo, herdeiro do pioneiro obradoiro que fundou Faustino Santalices quen recuperou este instrumento en Galicia hai xa máis de cincuenta anos.

As xornadas de convivencia -curso, conferencia, palco aberto- terán lugar en Aldea Nova na parroquia de Sedes.

Sociedade