Xogar con alegría

Xogar con alegría
19 de Xaneiro, 2021 - 11:39 h. | Publicada por Radio Fene

A Fervenza confórmase con manterse este ano na categoría. O máis importante para o seu delegado, Fran Paz, é salvarse dos contaxios e xogar con alegría como fixeron no último encontro.

ESCOITA O PODCAST:

O cambio de mentalidade xogou a favor de A Fervenza no empezo da volta da segunda división do fútbol sala feminino, no grupo 1A. Son cuartas con 10 puntos e veñen de asistir a un gran triunfo o domingo fronte ao Inter Sala por un marcador de 7-3. Un triunfo non só deportivo senón tamén da deportividade tras un xesto, rechouchíado ata a saciedade, que lles valeu a felicitación da propia Federación Galega de Fútbol. Tal visibilidade non lle ven nada mal a este deporte que ten enganchado ao delegado de A Fervenza, Fran Paz, quen recoñece que deixou de ver fútbol hai anos. Paz achaca o bo resultado do último partido ao cambio de mentalidade das xogadoras. Acabaron o ano con malas sensacións e baixas de ánimo despois de tres derrotas consecutivas. “Decidimos facer os adestramentos máis amenos. Charlamos coas rapazas no sentido de xogar divertíndose”. E semella que fixo efecto.

Para Fran Paz o mais importante esta temporada é non ter contaxios. Cando preguntamos por obxectivos, declara que están conformes na categoría. Así que manterse sería unha boa cousa, tendo en conta que este ano perderon dúas xogadoras importantes, a Cris Lourés que foi estudar á Coruña e fichou polo Amarelle, e a Sabela, estudante de Medicina. Ademais recoñece o delegado de A Fervenza que este é un ano atípico con adestramentos dispersos por distintos pavillóns, de Caranza, Esteiro, As Lagoas e seguro que terán que ir a Castro. Catro xogadoras de A Fervenza son de Fene: Clara Ventura, María Souto, Claudia Rey e a porteira, Lucía Paz. Levan toda a vida no equipo e van cumprir todas 18 anos. “Son a base do equipo, as veteranas” afirma Paz para destacar o talento das tres, xa sexa como ala, pivote ou porteira. Acto seguido, Paz maniféstase orgulloso da escola que teñen con moitas nenas, de maneira que cando unha marcha, vai habendo relevos que alimenten o primeiro equipo.

Por último, Fran Paz, destaca como equipos a ter en conta na categoría, o Valdetires e o Fisgón.

 

(Na imaxe, Fran Paz)

Deportes

Publica o teu comentario agora