Xornada de deporte para todas as familias de As Pontes

Xornada de deporte para todas as familias de As Pontes

14 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

A I Xornada de Deporte en Familia, organizada polo Concello de As Pontes, desenvolverase durante os días 24 e 25 de xuño. Na iniciativa tamén colaboran varios clubes deportivos locais e a coordinadora de anpas Abrente. Dende o executivo local búscase que os máis pequenos compartan, xunto cos seus familiares, os beneficios do exercizo físico e coñezan tamén novas disciplinas deportivas.

O programa de actividades inclúe tanto deportes para os alumnos de Educación Primaria e Secundaria coma para estudantes de Educación Infantil, e que van dende o tiro con arco ata o baloncesto ou os xogos tradicionais. 

No tocante á ampla oferta deportiva para estes dous días, o 24 de xuño está previsto que, dende as 16.15 horas, arrinque unha roita de sendeirismo dende o encoro da Ribeira que estará organizada polo Clube de Montaña o Caxado

Unha vez remate esta actividade, os pequenos e pequenas poderán participar nunha clase de tiro con arco, gracias ao Clube Silex, e que terá como escenario o merendoiro do propio encoro pontés.

Para pechar esta xornada desenvolveranse, coa colaboura do Grupo Xuvenil de Piragüísmo distintos xogos acuáticos empregando o kaiak. Todas estas actividades irán dirixidas a rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos. 

Xa para o día 25 deste mes, o catálogo de actividades tamén permitirá a participación dos nenos e nenas de Educación Infantil, desenvolvéndose no pavillón municipal da Fraga.

Dende as 10.30 horas, será posible participar nun torneo de baloncesto familiar na modalidade de 3x3 para alumnos de Primaria e Secundaria. O CB As Pontes organizará estes encontros nos que poderán participar ata 5 xogadores por equipo sendo necesario que, entre os mesmos, se atope o pai, nai, titor ou parente dalgún dos pequenos.

Tamén ás 10.30 horas arrincarán, neste mesmo emprazamento, as actividades para os nenos de entre 3 e 5 anos que poderán desfrutar dunha clase de xogos populares e tradicionais, na que tamén haberá carreiras de relevos con equipos nos que tamén deberán estar representados os pais e nais destes pequenos.

Non faltarán as xornadas de predeporte para que os nenos e nenas de Educación Infantil se adentren no mundo do rugby, baloncesto ou voleibol e coas que tamén colaborarán o CB As Pontes e o Clube Fendetestas.

Para participar nesta xornada de deporte familiar é preciso que, como mínimo, un adulto acompañe a cada participante e formalizar a pertinente inscrición denantes das 14.00 horas do vindeiro día 23, na oficina do pavillón polideportivo municipal, telefonando ao 667 19 20 99 ou ben remitindo un correo electrónico co nome, apelidos, data de nacemento, curso, centro educativo e teléfono de contacto dos participantes ao enderezo ana.alonso@aspontes.org.

Deportes