Xornal de Galicia pecha

Xornal de Galicia pecha

02 de Agosto, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O idioma galego perde neste 2 de agosto do 2011 unha importante batalla. A dirección de Xornal de Galicia reuniu esta mañá aos seus traballadores e informoulles que pasado mañá xoves será o último dia que saia a edición en papel do diario. O Xornal criticou en numerosas ocasións as ridículas axudas recibidas desde a Xunta de Galicia.

Outro medio de comunicación bota o peche en Galicia. E, tamén unha vez máis, desaparece un medio sensible co uso do galego, unha lingua finiquitada nos quioscos do país. Coa defunción de Xornal de Galicia, os diarios de papel editados na comunidade só concederán espazo ao idioma propio nalgunhas noticias perdidas nas súas cada vez máis magras páxinas, así como nas reservas indias que supoñen as seccións e suplementos culturais. E, coma se dun funeral se tratase, acordaranse del en portada o 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Antes do xornal editado na Coruña, que non chegou a cumprir o seu terceiro aniversario, deixaron de publicarse Galicia Hoxe (o único diario de pago integramente en galego, propiedade dos editores do Correo Galego), o histórico semanario A Nosa Terra, o quincenal comarcal A Peneira e o xornal dixital Vieiros, pioneiro na información online en lingua vernácula, por non falar doutras webs que, nos últimos anos, pasaron unha tras outra a mellor vida.

 

Como medios de comunicación en galego e dirixidos a toda Galicia, só quedan nestes momentos o xornal gratuito De Luns a Venres, editado en Lugo polo grupo El Progreso, e Radiofusión, a rede galega de emisoras municipais. Ademáis naturalmente das emisoras públicas Televisión de Galicia e Radio Galega. 

Sociedade