Xosé Antón Bao: “O actual sistema é negativo para a existencia dos concellos”

Xosé Antón Bao: “O actual sistema é negativo para a existencia dos concellos”

26 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

Non hai paradoxo, senón “coherencia”, explícase o vicepresidente da Deputación de Lugo, Xosé Antón Bao, cando se lle fai ver o estraño de escoitar a un representante da institución provincial criticando a existencia da mesma. Porén, o tamén concelleiro nacionalista en Lugo defende o ideario do BNG, que aposta decididamente pola supresión dun “ente intermedio que se dedica a repartir diñeiro para un lado e para out

Cumpríronse tres anos xa de mando bipartito entre socialistas e nacionalistas na Deputación de Lugo, un pacto que se fixo “por principios ideolóxicos e organizativos”, pero tamén “por obriga”, concede Xosé Antón Bao, lembrando os moitos anos do popular Francisco Cacharro no sillón provincial. Até o de agora o resultado é satisfactorio: cumpriuse case integramente o programa de goberno previsto para a lexislatura e o nacionalista afirma que “propiciamos un cambio radical nas políticas da Deputación”.

Perante a crise financeira das institucións locais, Bao asegura que “de conseguirmos unha estrutura comarcalizada que repartira os cartos cos que contan as deputacións, falaríamos dunha situación económica dos concellos mellor que a de hoxe”. Mentres non se troca o modelo está convencido de que “se non é pola colaboración institucional os concellos terían que pechar as portas porque non poderían dar servizo aos cidadáns”.

Xosé Antón Bao amósase contento pola candidatura do BNG que encabezará nos vindeiros comicios municipais en Lugo e asegura que a fronte nacionalista mantivo “unha coherencia política irreprochable” na cidade da Muralla. Verbo dunha posible reedición do pacto provincial, mantén a cautela: “Cada momento político é moi diferente", conclúe.

Sociedade