Xullo, Mes da Patria

Xullo, Mes da Patria
30 de Xuño, 2026 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Reivindicación da cultura galega e da participación cidadá no ciclo “Xullo, Mes da Patria” que organiza o Concello de Fene. A alcaldesa Sandra Permui animou á veciñanza a gozar desta programación que se desenvolverá do 3 ao 9 de xullo en diferentes lugares do concello. Animou á veciñanza a saír a rúa gozar dos espectáculos “para todas as idades”. 

ESCOITA O PODCAST:

Teatro, humor e danza. Tamén música na oferta de actividades culturais que organiza o Concello de Fene celebrar o Día da Patria Galega. “O Concello foi sempre un abandeirado na promoción cultural galega e queremos poñer en valor a nosa identidade nacional”, di Sandra Permui. No espírito da celebración “a nosa reivindicación como pobo fronte aos totalitarios e aos intolerantes, porque estamos vivindo no mundo unha vaga reaccionaria de conflitos bélicos e perda de dereitos”.

A programación comeza o venres 3 de xullo ás 20.30h na praza do CPS de San Valentín coa representación de “Ándale! Bon Appétit!”, da compañía Teatro Ghazafelhos. A actividade conta coa colaboración do CPS de San Valentín e da Agadic, dentro do programa Cultura no Camiño.

O luns 6 de xullo ás 20.30h, a praza do alcalde Ramón Souto acollerá o espectáculo de danza contemporánea “Un Baile Ceibe en Comunidade”, da compañía de Fran Sieira. Despois ofrecerá un concerto o grupo Encrucillada, que celebrará o seu décimo aniversario cun repertorio centrado na música para baile e foliada.

O martes 7 de xullo ás 20.30h nova edición do tradicional Festival de Habaneiras e Canto Coral, coa participación da Rondalla Estrelecer, da Coral Polifónica Agarimo de Sillobre, de Tradicoro e da Coral Polifónica O Pote de Maniños. 

O mércores 8 de xullo, a programación o humorista David Amor presentará o espectáculo “O Amor está no aire” a partir das 21.30 horas na Praza do alcalde Ramón Souto. As entradas poderán retirarse o venres 3 de xullo ás 12h na Casa da Cultura.

O acto central terá lugar o xoves 9 de xullo. Ás 20.00 horas celebrarase no Parque Lineal do Río Cádavo, diante do Monumento ao 25 de Xullo, a lectura da Declaración Institucional polo Día da Patria, a cargo de Paco Oti. A partir das 21.30 horas, na praza do alcalde Souto actuacións da Orquestra Bravú Xangai e de Loita Amada.



 

Institucional

Publica o teu comentario agora