A Xunta anuncia a adquisición do castelo de Pambre

A Xunta anuncia a adquisición do castelo de Pambre

24 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo anunciou hoxe que a Xunta de Galicia adquirirá o Castelo de Pambre tralo acordo alcanzado cos actuais propietarios. Este conxunto histórico construido a finais do século XIV pasará a formar parte do patrimonio público e converteráse nun elemento de dinamización do turismo na comarca de Palas de Rei e en xeral en Galicia.

A Xunta e o Concello  –avanzou- temos chegado a un acordo cos propietarios actuais do castelo  para poder adquirilo e dedicalo, a partir de agora, a conservalo e  poñelo a disposición do turismo, da economía e da riqueza desta Comarca  da Ulloa e de Galicia enteira”.

Neste sentido, Feijóo quixo  agradecer a colaboración dos propietarios da fortaleza, os Hermanos  Misioneros dos Enfermos Pobres, “xa que a aportación que faremos os  galegos para adquirir este patrimonio en prol de Galicia é unha  aportación de estrito carácter social. Estamos a falar dunha aportación  que non é outra cousa que incrementar os compromisos sociais que a Xunta  ten cos máis necesitados, a través desta exemplar orde relixiosa. Por  primeira vez, imos adquirir un patrimonio para todos os galegos e o  prezo será unha aportación para os máis necesitados. Estamos a falar,  polo tanto, dunha gran decisión desde o punto de vista social, cultural,  patrimonial e económico”

 

Nunha visita institucional ao Concello  de Palas de Rei, Núñez Feijóo subliñou que a vocación turística de  Galicia non se detén tralo Xacobeo e, por iso, “do mesmo xeito que no  resto da comunidade apostamos por novas perspectivas de futuro que  complementen o tirón dos camiños de Santiago –como a Cidade da Cultura-  tamén aquí, en Palas, apostamos por novas oportunidades turísticas, como  o Castelo de Pambre”.

Neste senso, destacou que dende que o  Castelo de Pambre se abriu ao público o pasado mes de xuño, preto de  14.000 visitantes se achegaron ata esta fortaleza; e mostrouse  convencido de que a partir de agora “non só consigamos manter, senón que  incrementemos estas cifras e que o Castelo de Pambre non só sexa unha  fortaleza que encha de orgullo aos veciños, senón que tamén sexa unha  fortaleza para a economía do Concello”.

Nesta aposta do Goberno  galego para que Palas de Rei siga sendo parada obrigada de milleiros de  visitantes, como o foi no pasado ano 2010, grazas ao tirón do Xacobeo e  ao investimento para mellorar os dous Camiños que cruzan este municipio  –o Primitivo e o Francés- así como varios espazos urbanos; resaltou que a  nave de Os Chacotes, acondicionada como albergue temporal, poderá  permanecer como albergue municipal no futuro. “Abrimos –recordou- outro  albergue de peregrinos na parroquia de Merlán; restauramos o Camiño  francés ao paso por San Xiao; rehabilitamos o retablo do Salvador da  Igrexa de Vilar de Donas; e acondicionamos os locais de ensaio da Casa  da Cultura”.

Feijóo garantiu o compromiso da Xunta cos concellos e  avanzou un Palas de Rei “máis sólido, máis forte e próspero” con novos  proxectos de abastecemento, vivendas de promoción pública e novas  oportunidades turísticas, como o Castelo de Pambre. “Cada paso adiante  dos concellos é un paso para lograr unha Galicia máis unida e máis  próspera”, dixo.

Investimentos en Palas de Rei
Concretamente,  explicou que nos próximos días comezarán as obras de abastecemento da  parroquia de San Cibrao, e “estamos traballando para dar resposta ás  necesidades dos veciños nun ámbito tan esencial como é a vivenda e así,  neste 2011 encargarase a redacción do proxecto para a construción de 15  vivendas de promoción pública”.

No eido das infraestruturas e, en  relación á Autovía que unirá Santiago con Lugo, Feijóo salientou que  “todos os trámites que a Xunta tiña que implentar para desbloquear o  trazado entre Palas de Rei e Arzúa están implementados e xa non hai  ningún atranco para poder licitar, adxudicar e construír a totalidade  desa autovía”. E, co obxecto de dar máis oportunidades industriais a  Palas, engadiu que o Plan Impulsa Lugo xa ten mobilizado no Concello 5  millóns de euros.

Para mellorar as condicións de vida do sector  agrogandeiro, subliñou que “temos en marcha convenios por máis de  600.000 euros para mellorar as zonas rurais deste Concello que garantan o  desenvolvemento rural e que garantan en cada parroquia as mesmas  oportunidades que no núcleo urbano”.

Manter e profundar nas medidas de apoio aos concellos
O  responsable do Goberno galego avogou por recoñecer a importancia dos  municipios e darlles o peso que lles corresponde no reparto do gasto  público. “É un erro facer recaer só nos concellos e nas comunidades  autónomas a responsabilidade indelegable da situación económica de  España. E por iso, creo que é un erro reclamarlle aos concellos, en  plena crise económica, preto de 500 millóns de euros, consecuencia dos  presupostos irreais do Goberno de España nos anos 2008 e 2009”.

Pola  contra, Feijóo garantiu que a Xunta vai manter e profundar nas medidas  de apoio aos concellos e, neste sentido, lembrou que “mantemos, a pesar  da diminución responsable dos presupostos da Xunta, o Fondo de  Cooperación Local neste 2011, con 114 millóns de euros; e creamos o  Fondo de Compensación Ambiental como medida que permite, por primeira  vez, a participación dos concellos nos beneficios que se obteñen do  aproveitamento da enerxía eólica”.

Así mesmo, salientou o apoio  aos concellos nunha das materias máis relevantes neste momento, como é o  emprego: “Estamos incrementando un 20% as partidas para que os  concellos podan contratar ás persoas indispensables para prestar  servizos públicos de calidade, refírome, por exemplo, aos ámbitos do  GRUMIR, socorrismo ou das emerxencias”.

Por último, Feijóo lembrou  que esa vontade de entendemento e de colaboración cos concellos ten  dado moitos e importantes froitos no que vai de lexislatura, en ámbitos  tan diversos como o urbanismo; a tecnoloxía; o Pacto Local; ou “as  normas de cómo debemos construír a Galicia do futuro”. “Cremos que hai  que consultar cos concellos. A iniciativa, a opinión e a participación  da administración local e da administración autonómica é moi positiva se  somos capaces de concluír e coincidir nos asuntos fundamentais dos  cidadáns”, aseverou.

 

Sociedade