A Xunta aproba o anteproxecto da nova Lei de Mobilidade de Terras

A Xunta aproba o anteproxecto da nova Lei de Mobilidade de Terras

05 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

Medio ano despois do seu anuncio, o Consello da Xunta aprobou o anteproxecto da nova Lei de Mobilidade de Terras que servirá para reformular o Banco de Terras de Galicia deseñado polo goberno bipartito. O servizo, que favorece o arrendamento das parcelas improdutivas co obxecto de rendibilizalas e mediante a súa inclusión nun inventario controlado polo Goberno, conseguirá segundo a Administración "mellorar a competitividade do a

O novo Banco de Terras permitirá actuar sobre todas as fincas "con vocación agraria independentemente da súa cualificación urbanística", salientou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Na práctica, isto suporá que fincas de núcleos rurais non rústicas pero si con vocación agraria poderanse integrar no inventario, incluíndo aquelas con interese forestal, para favorecer outros usos, como os relacionados coa madeira. Fomentarase tamén o arrendamento dos predios con vocación de ser empregados para "a conservación da natureza e do patrimonio histórico". Para este último propósito, a Consellería de Medio Rural abre a posibilidade de negociar cesión de terreos ás entidades municipais para usos "sociais" como camposantos ou instalacións deportivas".

O titular de Medio Rural, Samuel Juárez, afirmou que as achegas do Consello Económico e Social ao anteproxecto non cuestionaron ningún dos "aspectos vitais" da lei nin supuxeron "matizacións de calado". Fronte ás súas palabras cómpre lembrar que o ditame do CES advertía unha "deficiente técnica lexislativa" no texto e chamaba a corrixir "incoherencias, incorreccións e remisións abusivas a outras leis" entre outros erros. Mesmo formulaba unha intromisión na Lei de Enxuízamento Civil en materia de deslindes.

Malia as críticas, Juárez defendeu a reformulación do proxecto do Goberno anterior, ao que se referiu como "intervencionista" en relación ao dereito de tenteo que se reservaba a administración como freo a posibles prácticas especulativas no rural servíndose do Banco. Aínda que os prezos de referencia para as transaccións manteranse "nos mesmos niveis que no ano 2009", o conselleiro salientou que de agora en diante "o prezo pasa a ser un factor de concorrencia"; isto é, permitirase negociar o arrendamento á alza o que "incrementará o atractivo do Banco para os propietarios", opina. Juárez defendeu asemade a extinción da estrutura herdada e a inclusión do servizo na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para "optimizar recursos de persoal e material". Escoitamos ao Conselleiro.

Consumada a nova redacción, formalízanse algúns aspectos que durante a presentación do anteproxecto criticara nos micrófonos de Radiofusión o que fora primeiro conselleiro delegado do Bantegal, Xosé Carballido. Este rexeitara a súa inclusión na AGADER porque coida que "ralentizará o proceso" do arrendamento, unha manobra que ademais a Xunta fixo a través da lei de acompañamento aos orzamentos de 2011, o que cualificou como "pola porta de atrás". Carballido tamén advertiu que o Banco de Terras "esmorecerá" se non se promociona axeitadamente, lembrando que hai moitos propietarios de terras no rural que viven no medio urbano e nada saben deste proxecto. Finalmente, defendeu o dereito de tenteo ante calquera transacción de leiras que mantiña o Executivo autonómico anterior: "Non estaba para comprar fincas, senón para parar movementos especulativos", declarou.

Institucional