A Xunta de Galicia ningunea ao profesorado, segundo a CIG-Ensino

A Xunta de Galicia ningunea ao profesorado, segundo a CIG-Ensino

06 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

"Fixeron a trampa e agora fan a lei" afirma o secretario xeral da CIG Ensino Anxo Louzao, arredor da Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa presentada o pasado martes pola consellería de Educación. O sindicato maioritario no ensino en Galicia sospeita que ese texto legal pretende respaldar o decreto do plurilingüísmo, ante a posibilidade de novas desautorizacións desta normativa polos tribunais. 

Para o sindicalista, "no ensino en Galicia hai conflictividade, pero de baixa intensidade e a maneira de solucionala é dotando de máis profesores aos centros, con menos alumnos por aula e cunha educación máis persoalizada para reducir o fracaso escolar". Segundo Louzao, "precísase un reforzo educativo non só medidas disciplinares e coercitivas que só se deberían aplicar en casos extremos de alumnado insumiso, que se nega a aprender". "Sobor de todo na educación infantil, precísanse máis mecanismos de reforzo e de tratamento individualizado dos casos problemáticos" salienta o representante da CIG.

 

A Lei de Convivencia e Participación da Comunidade Educativa sinala que "os profesores terán tratamento de autoridade pública, os centros poderán regular a vestimenta dos rapaces, as sancións aos alumnos faranse efectivas en tres semanas, o tratamento ao acoso escolar estará regulado e os pais poderán elixir por votación aspectos da formación dos seus fillos". O conselleiro de Educación Jesús Vázquez presentou o anteproxecto en rolda de prensa o pasado martes.

Sociedade