A Xunta de Galicia pide tempo diante dos problemas no Hospital de Vigo

A Xunta de Galicia pide tempo diante dos problemas no Hospital de Vigo

20 de Novembro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

 Povisa é o gran beneficiado das deficiencias no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, afirma o voceiro da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Manuel Martín nunha entrevista publicada no xornal dixital Praza. Os alcaldes do Morrazo reclaman servizos de transporte directo ao novo centro sanitario.

O xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), Félix Rubial, ofreceu máis diálogo e pediu máis tempo por mor das queixas dos xefes de servizo da área sanitaria e deixou aberta a posibilidade a que haxa cambios no equipo directivo, aínda que de momento "non hai ningunha decisión tomada". Así se pronunciou este xoves no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) despois de que o Foro de Xefes de Servizo do Chuvi trasladase ao xerente da súa área sanitaria a través dun escrito a súa "perda de confianza no equipo directivo" e urxise á Consellería de Sanidade medidas para liquidar os "problemas" no novo hospital da cidade. Rubial, que destacou que o comportamento destes profesionais "foi intachable" e "absolutamente comprometido" durante o proceso de traslado, apertura e reordenación, transmitiu que este comunicado "evidentemente lles preocupa e ocupa a partes iguais" e por iso é "moi digno de ter en consideración e obriga a redobrar esforzos".

Así as cousas, para mellorar o clima de colaboración e de confianza avogou por que haxa "máis diálogo aínda" e apuntou que conseguir estes obxectivos é tamén "unha cuestión de tempo". "Hai determinadas circunstancias que requiren dun determinado tempo para poder concretarse, plasmarse, corrixirse e executarse", explicou.

Ademais, remarcou que a posibilidade de que se produzan cambios na dirección "sempre está aí, estivo aí e seguirá estando aí", xa que "os equipos directivos son estruturas absolutamente dinámicas que están permanentemente en disposición de ser modificadas para adaptalas ás necesidades que poida haber nun momento dado".

Neste sentido, aseverou que "todos os directivos", incluído el mesmo, son "perfectamente" sustituibles "en calquera momento", pois é "consustancial a postos de libre designación como membros de equipo directivo". No entanto, aclarou que de momento "non hai ningunha decisión tomada" e descoñece se poden producirse cambios nas próximas semanas.

Sociedade