A Xunta de Galicia suspende en atención á dependencia

A Xunta de Galicia suspende en atención á dependencia

09 de Xaneiro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Máis de doce mil persoas con dereito a axudas polo seu grao de dependencia permanecen en lista de espera en Galicia, tras finalizar o ano dous mil quince. A Xunta só incorporou nos últimos seis meses do ano a mil setecentas cincuenta e unha persoas, do total de catorce mil recoñecidas no pasado mes de xullo.

Reciben neste momento algún tipo de axuda un total de corenta e unha mil persoas. Segundo os dados do Observatorio da Dependencia, Galicia suspende en dependencia cun 4,6 porque ten a un vintecatro por cento de dependentes con dereito e sen recibir a prestación. Na comunidade gástase por habitante en dependencia 88,67 euros, fronte á media estatal que alcanza os 104,49 euros. Estamos lonxe de Cantabria con 184,34 euros ou do Pais Vasco con 159,7 euros por habitante e ano. As axudas á dependencia incluen as pagas aos coidadores, residencias de maiores, centros de día e axudas a domicilio. 
 
Segundo a Xunta de Galicia, as axudas ao fomento do voluntariado son unha das políticas fundamentais da Dirección Xeral de Xuventude, que este ano 2016 verá incrementados os seus orzamentos nun 15% ata chegar aos 9.443.168 euros. En particular, as axudas que impulsan o voluntariado dirixidas a entidades locais e outras asociacións veranse incrementadas nun 4,08% superando os 520.000 euros.
Sociedade