A Xunta malgastou fondos europeos, segundo denuncia a CIG

A Xunta malgastou fondos europeos, segundo denuncia a CIG

22 de Marzo, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Cerceda

A CIG-Saúde vén de denunciar que a Consellaría de Sanidade destinou 169.400 euros procedentes, nun 80%, de Fondos FEDER á creación de sete espazos para innovación sanitaria que entre o persoal son coñecidos como “salas de festas de aniversario” pola seu deseño e “nula” utilidade. Diante disto, a central denuncia o mal uso destes fondos e reclama que sexan as e os profesionais e non os cargos de libre designación quen deci

En 2012 a consellaría de Sanidade publicou a Orde pola que se aprobaba a convocatoria aberta de propostas de solucións innovadoras para os proxectos de innovación sanitaria. Atendendo a isto creaba o Subproxecto 11 “Espazo de innovación en servizos asistencias”.
En decembro de 2015 o SERGAS publicaba unha resolución pola que se facía pública a formalización do contrato de instalacións e montaxe para a creación de sete espazos de innovación dentro do proxecto Innova-Saúde Subproxecto IS-11-Espazos de Innovación en Servizos Asistenciais, cofinanciado nun 80% con fondos FEDER e que tiña a consideración de prioritario. O importe neto deste proxecto era de 140.000€ e un importe total foi finalmente de 169.400€ co IVE.
A CIG-Saúde sinala que estes espazos son coñecidos comunmente dentro do SERGAS como “salas de festas de aniversario” sen que ninguén saiba explicar a relación que teñen coa innovación en servizos asistenciais, nin a súa utilidade para o sanidade pública.
A este respecto, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, apunta que en algún centro, como o de Ourense, “montaron o espazo para a foto e unha vez pasada a foto desapareceu”.
Considera que “este proxecto estrela da consellaría de Sanidade é igual que o do camión de Ourense, que foi contratado para servizos asistenciais, cun custo de 2 millóns de euros, do que ninguén quere falar porque o seu uso non estaba adaptado para as necesidades da sanidade pública galega”.
Asegura que os verdadeiros proxectos de Investigación e Innovación nacen nos centros sanitarios polo interese e o compromiso das e dos profesionais co sistema sanitario público, nos espazos asistenciais e nas salas de reunións para mellorar a sanidade pública e dar resposta ás súas necesidades. “Non nacen nestas salas de aniversario que, quen as deseñou supoñemos que o fixo pensando no negocio de alguén”.
Por iso a CIG-Saúde exixe que os Fondos FEDER, cartos públicos dedicados ao desenvolvemento da investigación e da innovación, se utilicen correctamente “e para o que están previstos, tendo en conta a opinión dos profesionais do sistema e as prioridades que estes marcan e non as iluminadas das persoas que a consellaría de Sanidade ten en postos de libre designación, que semellan máis interesados en favorecer negocios que na asistencia sanitaria e no seu desenvolvemento”.
Exixe que, en cumprimento da Lei de Transparencia, se fagan públicos todos os proxectos postos en marcha pola consellaría de Sanidade e os cartos a eles destinados e denuncia que mentres se destinan cartos a estas cuestións, “entre mentres, o persoal investigador da sanidade pública segue agardando pola publicación dunha norma que permita a súa estabilidade laboral dentro do sistema e o recoñecemento, así, ao labor desenvolvido”.
Sociedade