A Xunta pechou 275 camas hospitalarias, segundo SOS Sanidade Pública

A Xunta pechou 275 camas hospitalarias, segundo SOS Sanidade Pública

05 de Novembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

"A sanidade galega está en risco" proclama a plataforma SOS Sanidade pública nun informe no que debullan as consecuencias dos recortes aplicados no sector. Denuncian que coa excusa da crise, "engordanse os beneficios das empresas privadas que se lucran dos orzamentos públicos".

"Recortes nas prestacións aos usuarios, privatizacións, aumentos das listas de espera e incluso bloqueos na atención primaria ao non cubrirse as ausencias de médicos que marchan de vacacións. É algo que eu nunca vira". Con esta frase resumiu Ramón Veras, voceiro de SOS Sanidade Pública, algunha das consecuencias que está a ter a política da Xunta de Galicia no sistema sanitario público galego.

O colectivo presentou neste mércores o informe A sanidade galega está en risco, no que se especifican e detallan as consecuencias das medidas que o PP, desde a súa chegada ao poder na Xunta en 2009, "está impoñendo e que deterioran o sistema sanitario público e favorecen as intereses das empresas privadas, que se lucran a costa dos orzamentos públicos". Ante esta situación, SOS Sanidade Pública anuncia xa unha "gran mobilización cidadá" para o vindeiro mes de decembro en varias comarcas galegas que considera "precisa para recuperar a sanidade pública galega e poñer freo á privatización".

Antes, o vindeiro 12 de novembro, levarase a cabo un acto para presentar un documental sobre as privatizacións sanitarias no que se analiza "o deterioro e a privatización progresiva da sanidade pública galega feita polo Goberno de Feijóo".

O colectivo anuncia unha gran mobilización cidadá en decembro e presenta un documental sobre "o deterioro da sanidade pública"

"A Xunta non ofrece solución ningunha. A súa resposta ante as reivindicacións que lle facemos é que este é o orzamento que teñen e que non hai máis", explicou Ramón Veras, que acudiu como representante do BNG a unha presentación onde había tamén responsables do PSdeG, Frente Cívico, CIG,  Comisións Obreiras, asociacións veciñais e varios colectivos sanitarios.
"Están a desfacer a sanidade pública cunha serie de decisións impostas que poñen en serio risco a continuidade do noso sistema sanitario", conclúe o colectivo nun informe cuxas conclusións vinculan tamén cos actuais escándalos de corrupción no Estado e con "esta política de xestión pública". Segundo a análise de SOS Sanidade Pública, entre 2009 e 2014 destinouse un 12,3% menos de orzamento para o sistema sanitario público e perdéronse máis de 2.000 postos de traballo, "un auténtico ERE no Sergas". Ademais, levouse a cabo o peche de 275 camas hospitalarias e seguiuse beneficiando a sanidade privada mentres "se vampirizan os fondos do sistema público, provocando tamén a perda de coñecemento, loxística ou mantemento".

Sociedade