A Xunta volve subvencionar aos colexios segregadores

A Xunta volve subvencionar aos colexios segregadores

19 de Agosto, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Un artigo da Lei Wert serviu de excusa á Xunta de Galicia para renovar os concertos cos colexios privados que separan ao alumnado por sexo. Segundo denuncia a CIG -sindicato maioritario no ensino- a medida inscríbese nunha decisión política de favorecer á educación de élite, mentras se reduce o profesorado e os medios do ensino público.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria decidiu volver concertar unidades aos centros privados que separan ao alumnado por razón de sexo e a quen se lles denegou a súa renovación por impartir educación diferenciada. Deste xeito, os centros Montespiño, As Acacias, Montecastelo e Peñarredonda recuperaron unha unidade de primaria que terá vixencia até final do curso 2016-2017.

   A Xunta decidiu non concertar no curso 2013/2014 as unidades de 1º de educación primaria ou secundaria destes colexios que en Galicia imparten educación diferenciada tras a sentenza de 13 de marzo de 2013 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que invalidaba a orde de 2009, anticipándose así ao recente fallo do Tribunal Supremo.

   A aprobación da Lei Orgánica de Mellora de Calidade Educativa (Lomce) cambiou este escenario, pois a norma permitiu (na súa disposición transitoria segunda) aos centros afectados por esta decisión solicitar no prazo de dous meses desde a súa entrada en vigor que se lles aplique o artigo 84.3 desta Lei Orgánica para o resto do actual período de concertos.

   Este artigo indica que "en ningún caso a elección da educación diferenciada por sexos poderá implicar para as familias, alumnos e alumnas e centros correspondentes un trato menos favorable, nin unha desvantaxe, á hora de subscribir concertos coas Administracións educativas ou en calquera outro aspecto".

   A norma aclara, ademais, que "en ningún caso haberá discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social". Así mesmo, matiza que "non constitúe discriminación" a admisión de alumnos ou a organización do ensino diferenciado por sexos, sempre que se desenvolva conforme ao disposto no artigo 2 da Convención relativa á loita contra as discriminacións na esfera do ensino (aprobada pola Conferencia Xeral da UNESCO o 14 de decembro de 1960).

   Ademais, os centros "deberán expor no seu proxecto educativo as razóns pedagóxicas da elección do devandito sistema, así como as medidas académicas que desenvolven para favorecer a igualdade".

PUBLICACIÓN NO DOG

   En base a esta normativa, a Xunta publicou este luns no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se modifican os concertos educativos e recupéranse unidades de primaria para dous centros da zona da Coruña e outros dous de Vigo.

   Educación tamén cambiou os concertos dos programas de cualificación profesional inicial polos concertos de Formación Profesional Básica.

   En total, o sistema educativo galego contará con 3.877 unidades concertadas durante o próximo curso coas que se busca "dar resposta ás necesidades educativas, especialmente de localidades con gran densidade de poboación escolar".

Sociedade