Xuntas contra a violencia

Xuntas contra a violencia
20 de Novembro, 2025 - 02:39 h. | Publicada por Radio Fene

“Debería ser todos os días” a loita contra a violencia machista. O 25N é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A alcaldesa de Fene, Sandra Permui, a primeira muller que ocupa a máis alta responsabilidade no Concello chama á cidadanía a participar nos actos conmemorativos.

ESCOITA O PODCAST:

“Queda moito camiño que andar”, destaca a alcaldesa. “Todas as mulleres temos o dereito a ser libres, non temos dono, mandamos nos nosos corpos, ninguén ten dereito a gobernar as nosas vidas”. O Concello de Fene dedicará dous días á conmemoración. A programación, prevista para o martes 25 e o mércores 26, combina arte comunitaria, reflexión e compromiso colectivo. 

Mil flores lilas confeccionadas por un grupo de veciñas de Fene  protagonizan a instalación artística que se vai inaugurar o día 25 na Casa do Concello. A alcaldesa agradeceulles ás mulleres do gancho “este acto de amabilidade e compromiso con este Concello”.

Os actos continuarán o mércores 26, coa proxección, na Casa da Cultura, do filme “Prefiro Condenarme”, coa presenza da súa directora, Margarita Ledo. “Un filme que recomendo é unha historia conmovedora, a de Sagrario, unha muller adiantada ao seu tempo, que sufriu todo tipo de violencia, moitas mulleres poden verse reflectidas nesta loitadora”, sinala Sandra Permui.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora