A XV Feira do Queixo de San Simón de Vilalba porá no mercado cerca de 4.000 pezas

A XV Feira do Queixo de San Simón de Vilalba porá no mercado cerca de 4.000 pezas

27 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A XV edición da Feira do Queixo de San Simón, que se celebrará en Vilalba o fin de semana do 4 e 5 de abril, venderá unhas 4.000 pezas deste prezado alimento galego. Os representantes das oito queixerías que compoñen esta denominación de orixe protexida estarán presentes entre os mais de 80 stands que ocuparán a praza da Constitución da vila chairega, e que supoñen un record de participación nest

A pesar de que a estrela son os queixos desta parroquia vilalbesa, os visitantes poderán mercar viños da Ribeira Sacra ou do Ribeiro, mel de Galicia, faba de Lourenzá, filloas ou embutidos, sen esquecer os produtos de artesanía, que tamén terán cabida nas haimas situadas ao longo da principal praza de Vilalba.

Ademais dos postos das queixerías de San Simón, tamén haberá seis stands de queixos de Castela León, Asturias, Aragón e Baleares, así como dous de queixos franceses e italianos.

Os prezos de comercialización desas 4.000 pezas de San Simón non variarán con respecto aos do ano pasado, xa que se pagarán 12 euros por unha peza dun quilo e sete pola de medio quilo.

A importancia desta festa para a capital da Terra Chá púxose de manifesto na intervención do alcalde, Gerardo Criado, que a cualificou como “unha embaixadora perfecta do noso concello”. O edil tampouco desaproveitou a ocasión para “agradecer o esforzo a todos os veciños de San Simón e parroquias próximas por manter esa tradición, que foi recollida polas 8 queixerías para facer unha actividade industrial moi competitiva no mercado”.

Javier Piñeiro, presidente da Asociación de Queixeiros, salientou o crecemento da Feira, que este ano terá “unha dimensión maior”, polo incremento de “solicitudes de stands e de queixos que tivemos”.

O investimento total é de 26.800 euros, que foron aportados polo Concello de Vilalba (19.000) e por Caixa Rural (7.800).

O programa de actos abrirase ás 11.00 horas da mañá do sábado 4 cos pasarrúas da Charanga de Vilalba e o grupo de gaitas “Entre Lusco e Fusco”. Ás 18.00 horas haberá unha degustación popular de San Simón na praza da Constitución, mentres que media hora mais tarde, ás 18.30 horas, farase entrega dos premios do II Concurso de tapas do Queixo de San Simón. Ás 19.00 será a quenda do pregoeiro deste ano, o vicealcalde de Toledo, Ángel Felpeto, que ocupará o templete da Praza da Constitución para loubar as excelencias deste alimento. Xa pola noite, a partires das 22.00 horas, a orquestra Alarma amenizará unha verbena popular.

O domingo a festa pecharase ás 15.00 horas, pero antes xa se poderá desfrutar da música da Charanga de Vilalba e “Entre Lusco e Fusco”, ademais da tradicional sesión vermú, que comezará as 13.00 horas.

Sociedade