X.X.A.A. considera un “decepcionante fracaso” o plan estratexico lacteo do goberno

X.X.A.A. considera un “decepcionante fracaso” o plan estratexico lacteo do goberno

30 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O plan estratéxico para o sector lácteo, presentado hoxe polo goberno en Madrid, foi valorado negativamente por parte do sindicato Xóvenes Agricultores (X.X.A.A.). O seu secretario xeral, Juan Orozco, tildou de “fracaso total” e “decepción absoluta” a xuntanza cos membros do goberno, durante a cal foi analizada esta nova actuación gobernamental para tentar atallar o problema do sector en España.

X.X.A.A. anunciou que levarán a cabo unha análise profunda do borrador e a presentación das alegacións precisas. Desde a organización agraria lamentan que no texto “non se inclúa a posibilidade dunha saída digna para os que queiran abandonar as súas explotacións”.

O seu secretario xeral, Juan Orozco, amosou a súa indignación ante a negativa da ministra á petición dunha reunión urxente, xa que lle remitiu á reunión técnica de hoxe en Madrid pois, segundo Orozco, “non consideraba necesario o encontro cos representantes dos gandeiros, a pesar da gravísima situación que atravesa o sector”. Para o responsable de X.X.AA. a postura de Elena Espinosa “é de total desprezo polos gandeiros”. Finalmente advertiu de que si a ministra se mantiña na súa postura de soberbia, “actuaremos en consecuencia”.

Vía Campesiña reclama á UE a redistribución da produción para “evitar o desastre”

A coordinadora labrega Vía Campesiña reclamará á UE unha diminución da cota, a redistribución da produción, a eliminación das axudas á exportación e a valorización dos modos de produción para “evitar un desastre social e territorial”.

Esta asociación campesiña culpa ás malas decisións tomadas pola institución europea desde 2003 da saturación do mercado, o que sitúa aos produtores nunha situación complexa que os “obriga a vender o seu leite por baixo dos custos de produción”, o que pode conducir aos mais fráxiles a “desaparecer” se a UE non “reorienta a súa política”.

Outra das denuncias de Vía Campesiña é o dumping que está a sufrir o sector, e que foi reforzado, na súa opinión, pola “reinstauración das axudas á exportación e do aumento da cota, co que rebentou un mercado mundial florecente”.

Para salvar ao sector esixen que se leven a cabo políticas que contribúan a “preservar ao máximo de produtores e manter a produción láctea en todas as rexións”. Para o cal, “o Consello de Europa debe anular a supresión das cotas lácteas prevista para 2015”.

Desde esta organización se defende que unha nova “reestruturación”, como propón a comisaria Fischer Boel, non solucionará a crise, pois “a diminución do número de produtores/as non reduciu a produción, intensificouna e concentrounas nas rexións con custos de produción máis baixos, en detrimento de a cohesión europea e do desenvolvemento rural”.

Sociedade