Zamburiña pequeniña

Zamburiña pequeniña
18 de Abril, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

A zamburiña é un molusco bivalvo da mesma familia que as vieiras “pectinidae” pero é máis pequena. É propia das costas galegas e destaca pola súa textura e sabor.

As zamburiña, como as voandeiras, multiplicáronse metidas no fondo da área, lonxe da praia. As zamburiñas, de cunchas máis pequeñas que as voandeiras, forma máis alongada, compensan o cativo tamaño porque son máis gustosas. De todas maneiras son difíciles de distinguir e soen meternos unhas por outras, dependiendo de cal abunda máis nas rías. A súa cocina é moi variada. Pódense poñer en crú, ao natural, abertas na prancha quente, cunha pinga de aceite, outra de limón, pirixel picado e sal.

Para guisalas faise unha fritada con abundante cebola, allo e un porro torado. Unha vez feita, engádese un chorriño de augardente e préndeselle lume para que perda o alcohol. Déixase guisar. Outro xeito común de facelas é no “arroz de zamburiñas” ás veces con algunha cuncha, como facemos cos berberechos. Tamén temos as zamburiñas en allada que se fan como as gambas, en cazola de barro, con allos torados quecendo no aceite e guindilla. Outra proposta é adubalas con allo e pirixel, empanalas en fariña e fritilas en aceite. Tamén poden prepararse como as vieiras, con cebola e allo dourados a lume morno, un grolo de Albariño, sal e unhas lascas de xamón. Cada unha na súa cuncha protexidas por riba con pan relado e gratinadas finalmente no forno.

A imaxinación popular deixounos este refrán: “ Os teus ollos rapaciña, non son pequenos nin grandes, o mesmo que as zamburiñas, que andan nas praias de Rande”.

Cultura

Publica o teu comentario agora