ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
“Pequeno Manual para Grandes Cambios. Volume II (teoría e práctica)”, está case a punto de presentarse e Zavala veñen de dar a coñecer Santa Marta, outro avance deste novo longa duración que está máis que maduro.
Zavala preséntanse como unha proposta asentada na música galega cunha proposta innovadora, contemporánea e moderna que mira de fronte ás novas texturas sonoras, e abofé que neste ambiente séntense cómodas.
Sonoridade, sutileza, melodías acolledoras e a presenza impoñente dunha voz marabillosa que é a de Carla Romalde, “unha cuestión de química pura”.
O nome da banda é unha homenaxe a outro músico, Jairo Zavala – coñecido artisticamente como Depedro-, do que se declaran admiradores, e xurde do encontro de Víctor Ledo e Carla Romalde, que concordaron completamente na maneira de entender a música e dun proxecto que é un concepto en si mesmo. Ao proxecto Zavala uníronse Carlos Castro “Kos” (programacións, bases e visuais), Ana Lage (baixo, piano, acordeón e coros) e Elena Zas (piano, viola e coros), Carla aporta ao grupo a súa fantástica voz e a frauta traveseira, e Víctor Ledo a guitarra e, sobre todo, a mestría na composición das pezas que presentan. Na conversa de hoxe acompáñannos Carla Romalde e Víctor Ledo.
Non se senten encorsetados en ningún estilo musical, poderían ser pop alternativo, pero tamén electrónica e tamén está presente a música popular galega, e isto é así porque, como Víctor sinala, “a canción é o que importa, a CANCIÓN con maiúsculas,... se a canción nos leva por un lado imos por ese lado, e sempre soa a nós porque a voz de Carla é o que unifica todo.”
Despois do lanzamento, o pasado ano, de “Pequeno manual para grandes cambios I (teoría e práctica)” están xa listo para completar con “Pequeno Manual para grandes cambios. Volume I” o que na realidade será un disco dobre con 27 pezas, o total do volume I e II, que reflicten á perfección a evolución musical do grupo.
Zavala visitounos o pasado ano en Sons de Nós, recuperamos hoxe esta entrevista con Carla e Víctor, os motores deste proxecto musical coidado, mimado poderiamos dicir. Un luxo de instrumentos poderosos, elegancia electrónica, innovación e tamén tradición, todo isto engarzado a través de voces privilexiadas que acariñan letras comprometidas e rigorosas e é que Zavala son, sobre todo, “CANCIÓNS con maiúsculas”.
Publica o teu comentario agora