Capítulo 21. María Casares. Eu son do océano

Fotografía: Xan Xe Corral

“Eu non son nada de chorar, pero ese día chorei. A fartar. Chorei polo pasado, polo futuro que non fora, polos seres queridos que nunca volverán pisar a terra natal, polos mortos, polos vencidos. Chorei por min”, recorda María Casares no podcast “Eu son do océano”. Durante a ocupación de Francia, a casa parisiense de María Casares e Gloria Pérez na rúa Vaugirard foi fortaleza para os perseguidos. Baixo o seu teito atoparon acubillo exiliados españois que fuxiran do réxime franquista e que volveron ser proscritos despois do armisticio do 22 de xuño de 1940.