Madriña. "O Caso de Ramiro Gallego Tenreiro". Capítulo 32

Ricardo contounos con todo detalle, a min, ao teu pai e á túa nai, a súa odisea, contigo ao seu lado, desde a capital ata Galicia, como te sacou dun manicomio madrileño para ingresarte noutro coruñés, dado o teu estado, que seguía a ser calamitoso, deambulando sempre entre a falta de raciocinio, as ideas delirantes e as alucinacións, e detallounos con pesar o teu paso dun hospital público, que non lle gustou nada, a outro privado, que lle gustou aínda menos, nada máis ver como se abría a porta da entrada principal e apareceron dous homes e unha muller con idénticos distintivos sobre as tres batas brancas que te levaron cara á parte máis fea do edificio, te tombaron sobre unha padiola, te instalaron nun cuarto escuro, indiferentes ante os teus berros de pánico.

Fotografía: XanXe