Os incurábeis. Capítulo 47

Leo Toral, no papel do Coleta, da tasca A Toquera

“A terraza daquela tasca era, sen dúbida, a que ofrecía as vistas máis recónditas e espectaculares de toda a cidade. Como tampouco cabía dúbida ningunha de que era, con moita diferenza, a tasca en activo máis antiga da Coruña, pois levaba  funcionando, con distintos nomes, desde finais do século XIX, cando a familia do actual propietario, Manuel Fuentes, Coleta, mercou a casa enteira. A partir de aí, o sitio pasou por distintas denominacións –Casa Barral, Casa Manolo−, ata que a principios dos oitenta, por razóns obvias de significado da palabra toca –sitio de abrigo− algún membro da familia decidiu rebautizala co nome máis axeitado de todos, Tasca A Toquera, que é a persoa que atende a toca. Como sempre, coa súa eterna coleta, longuísima e ben acondicionada, Manuel saudoume cun forte apertón de mans” afirma o inspector Pereiro no podcast Os incurábeis.