Os incurábeis. Capítulo 51

Os incurábeis. Antonio Tizón

"Foi o que daquela pensei e aínda penso agora. Pero agora, por primeira vez dende que a coñecía, atopei a Cristina Fandiño xa sen sons de mar de fondo nin de gaivotas, pero, o máis gratificante para min, completamente soa na súa casa, unha casa con cociña, con salón, con dormitorios, con camas, con tódalas comodidades posíbeis para levar a cabo as miñas intencións, que pretendín materializar por fin aquela mesma tarde, sen ser aínda consciente da súa dificultade. Porque axiña me deixou moi claro que a ela non lle interesaba o sexo como maneira de satisfacer necesidades elementais" reflexiona o inspector Pereiro. "Non, inspector, non, non te quero como amante ocasional, senón como un amigo permanente. E os amigos están para celebrar cousas importantes. Chegas no momento oportuno para celebrar algo moi importante para min. Poño unha chaqueta e saímos a celebralo" respondeulle ao inspector Cristina Fandiño.