O eu ao servizo do nós

O eu ao servizo do nós
13 de Outubro, 2020 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O Club do Mar de Mugardos é unha institución con solera, fundado en 1963. Como solera ten o remo, un deporte do que falamos co adestrador Jorge Hermida, quen aborda con paixón as virtudes desta práctica deportiva tan acaída nunha vila como Mugardos e nunha ría como a de Ferrol.

ESCOITA O PODCAST:

Todo un descubrimento é para nós o deporte do remo.

Da man do adestrador do Club do Mar de Mugardos, Jorge Hermida, adentrámonos nun escenario que ten orixe no mundo mariñeiro. Mugardos é pobo mariñeiro e polo tanto acaído para a práctica deste deporte que ten dúas modalidades, o remo olímpico, igual en todo o mundo, e o remo tradicional cuxa práctica varía segundo a zona na que se desenvolve. O primeiro que destaca o noso guía é que é un deporte en contacto coa natureza e moi bo para practicar na ría de Ferrol, tan resgardada cando as inclemencias climáticas son adversas. Ponse en garda Jorge Hermida á hora de comprender que o remo é un deporte que asociamos á forza pero, deféndese advertíndo que as cualidades físicas adquírense co adestramento.

Deporte de equipo

O máis relevante neste deporte é que se practica en equipo. Pode ser dentro dun batel, dunha traíña ou dunha traiñeiriña. Catro, seis ou trece persoas, homes ou mulleres, e un patrón. Hermida denomínao “deporte individual de acción simultánea”. Un deporte cuxo logro depende da coordinación e da destreza. Afirma que “para brillar un, sempre depende do resto ou, dito doutra maneira, eu ao servizo de nós” Todas as bancadas son importantes e todas dependen unhas das outras. Explica Hermida que a traíña distribúese tendo en conta os pesos, as medidas antropométricas e as destrezas de cada remeiro ou remeira.

Os beneficios

Por descontado, os beneficios deste deporte son moitísimos. Fisicamente é moi completo pero ten moitos outros valores como a sociabilidade, o esforzo, a coordinación, o crono… “ Isto é unha convivencia. Pasamos case máis tempo que na casa. Seis dias á semana durante 10 ou 11 meses”. “O remeiro faise” sentencia Hermida para quen o adestramento é fundamental. A Covid trastocou as cousas no Club do Mar de Mugardos. Afectou á matrícula nas escolas porque aínda hai reticencias lóxicas por parte dos pais e nais. A dia de hoxe contan con 15 nenos e nenas que seguen o protocolo marcado no mar e no ximnasio. “Este deporte permítenos traballar como dentro dunha burbulla, permítenos non mesturarnos con outros equipos. No mar a distancia entre barcos é de 15 metros”. En relación coas competicións, este ano decidiron non participar na feminina. Aproveita Hermida para destacar a aposta do club mugardés polas mulleres, esactamente igual que cos homes.

Competicións

As temporadas no remo márcanas os tipos de barcos e se distribúen ao longo do ano, por meses. Agora están en pretemporada e no mes de febreiro empezará a dos bateis. Agarda Hermida que se poida facer con normalidade. A máscara é obrigatoria no peirao pero no barco xa non. Os deportistas sométense ao test e o barco xa actúa como unha burbulla. O Club do mar de Mugardos leva a cabo outras actividades como a bici de montaña, a chave ou a pesca submarina. Incide Jorge Hermida na accesibilidade da vila mugardesa, a dez minutos de calquera concello da comarca e con transporte público. “Mugardos é un pobo accesible e toda a contorna pode beneficiarse destas actividades, especialmente do remo”.

(Imaxe de Jorge Hermida)

Deportes

Comentarios

No ano 62 mudou o Nome a club del mar de Mugardos ,pero desde a década do 40 e 50 xa se remaba na Vila co Nome de Rogar do predictor de Mugardos
Nome: 
Carlos

Publica o teu comentario agora