O éxito de Astano e o autobombo da ditadura

O éxito de Astano e o autobombo da ditadura
14 de Agosto, 2021 - 07:00 h. | Publicada por Radio Fene

A botadura do Arteaga puxo de manifesto a capacidade técnica e humana de Astano. Era abril de 1972. Segundo o NODO, marcaba unha data importante para a Mariña Mercante. Eran poucos meses despois dos sucesos de marzo do 72 en Ferrol. A policía franquista asasinou dous traballadores de Bazan. Todo o mundo enterárase das protestas obreiras polos seus dereitos e reclamando liberdade. A ditadura respondía dicindo que os estaleiros funcionaban e que os seus “produtores” aplaudían ao franquismo. A ditadura de Franco aproveitou o éxito de Astano co Arteaga para facer “auto-bombo”. Como madriña do buque actuou a esposa do ditador, Carmen Polo de Franco.

ESCOITA O PODCAST:
Botadura do Arteaga. 15 de abril de 1972

Franco presumía do apoio dos ferroláns. A multitude saudaba ao ditador con afecto e simpatía, aseguraba a propaganda franquista. Tamén Mussolini se gababa do apoio do pobo italiano ao seu réxime. O réxime de Hitler en Alemaña utilizaba un boletín audiovisual de obrigada proxección nas salas de cine. No NODO, Ferrol era a cidade na que nacera o Caudillo e símbolo das Forzas Armadas que respaldaban a ditadura. Era un proceso de lexitimación simbólica dun réxime autoritario. Cunha linguaxe engolada, afirmábase que Ferrol era a garantía da paz e eficaz arma ofensiva e defensiva na guerra. 

O NODO, Noticiario y Documentales, era un boletín informativo audiovisual de exhibición obrigatoria en todas as salas cinematográficas con carácter previo á proxección das películas. Emitiuse en todos os cines do estado español entre 1942 e 1981. En realidade era un servizo de propaganda da ditadura franquista.  O conxunto de Galicia presentábase cunha imaxe primitiva, estereotipada e bucólica. Branqueábase coa gaita a pobreza, a fame e a miseria. Dicíase que os labregos despois das feiras se retiraban ás súas “mansións” ocultando a infravivenda que inzaba o rural galego. Pero Ferrol era unha excepción, era o exemplo dunha industria naval competitiva e dunhas forzas armadas ao servizo de Francisco Franco. 

O NODO construíu unha imaxe esencialista, inxenua e mesmo tribal de Galicia. Un país folclorizado e conxelado no tempo cunha imaxe que pervive na actualidade e aínda en nós mesmos. Os bailes agarrados nunca apareceron no NODO,afirma a antropóloga Beatriz Busto no seu libro Un pais a la gallega. Busto investigou a utilización do folclore no noticiario audiovisual de emisión obrigatoria en todas as salas de cine durante o franquismo. O baile agarrado era pecado, podía corromper os corpos e por iso non se reflexaba no boletín informativo audiovisual da ditadura. 
 

Institucional

Comentarios

Olá! O link do podcast nom existe. Obrigado
Nome: 
Santalha

Corrixido o erro. Xa se pode escoitar a entrevista con Beatriz Busto. Obrigado!
Nome: 
Henrique Sanfiz Raposo

Obrigado eu!
Nome: 
Vítor Santalla Gil

Publica o teu comentario agora