Pitusa Arias, ao servizo da nosa xente

Pitusa Arias, ao servizo da nosa xente
09 de Abril, 2022 - 09:27 h. | Publicada por Radio Fene

Onte día oito de Abril de 2022 faleceu María Xesús Arias. Sufría unha grave enfermidade que xa era longa e que afrontou cunha enorme fortaleza. Pitusa Arias foi compañeira nosa de Radio Fene. Desenvolveu toda a súa carreira profesional como xornalista nesta emisora, desde 1986. Formárase inicialmente en Historia. Era licenciada en Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade de Santiago. 

María Xesús Arias Rei "Pitusa"

Desde os últimos anos do franquismo en Ferrol e Compostela foi unha incansábel activista democrática. Formaba parte da Xeración ERGA, os estudantes revolucionarios galegos que ensancharon substancialmente a base social do nacionalismo galego naqueles anos e nos sucesivos. 

Pitusa tivo unha especial inclinación intelectual cara o cinema. A súa formación iniciouse en Compostela, cos cursos, coas materias regradas e formando parte da directiva de O Galo, o cineclub galeguista vinculado á Universidade. Esa afección tan intensa iniciárase moito antes, porque Pitusa viviu de nena, fisicamente, dentro do Cine Adriano de Barallobre. As lembranzas de aqueles días ilumináronlle permanentemente a vida en forma de marabillas. Ela dicía que eses insuperábeis estímulos, permitíranlle formar parte nos xogos da infancia, con total naturalidade, dos continxentes de enfermeiras da Primeira Guerra Mundial e das tribos iroquesas que resistían heroicamente os ataques dos bárbaros invasores.  

A tese de licenciatura titúlase “A exhibición cinematográfica en Santiago de Compostela na II República (1931-1936)”. Despois estudou as salas de cinema en Fene, desde o 1928 até 1994. Escribiu a catro mans o libro titulado “O cine na comarca de Ferrol, as súa xentes, os seus recursos (1897-2010). 

En 2015 retornou para o seu paraíso infantil coa exposición “Adriano sesión contínua” e nese  mesmo ano realizou curtametraxe “Vivir no Adriano”, onde se destaca o antigo poder cultural e social do fermoso xigante de cemento.   

Escribiu  a novela gráfica sobre "Bóveda" e "Pancho Allegue, Historia dun compromiso". Tamén “Maniños no Pasado”, “Barallobre no Pasado” e "Perlío no Pasado", libros que ordenan a historia recente das citadas parroquias. Na mesma liña de actividade é coautora do cómic “Galiza acorda. Andrés de Barallobre” e de “Fene vai de Antroido”. 

O seu labor xornalístico cruza case completamente o período democrático, desde 1984 en que Radio Fene acababa de nacer, cando non había ningunha emisora municipal en Galicia, deica a actualidade. Un labor extenso ao servizo da cidadanía e destinado a promover a lingua e a cultura galegas, pois a radio fundouse con eses dous obxectivos, dos que a nosa compañeira foi protagonista principal.

Pero por riba de todo iso,  nós de Pitusa nunca esqueceremos a súa predisposición para axudar aos demais, a súa inclinación a compartir coas persoas. 

A súa delicada amabilidade. A súa natureza acolledora e colaborativa.   

Até sempre Compañeira 

 

Xosé Manuel Sarille

Sociedade

Comentarios

Que mágoa tan grande!
Nome: 
Xosé Lastra Muruais

As boas persoas non se esquecen. Unha forte aperta para a familia!
Nome: 
Ramón

A mellor amiga que unha persoa pode ter.
Nome: 
Alexandra

Unha auténtica mágoa. Que a terra che sexa leve. Unha grande aperta para Quique e moito ánimo.
Nome: 
Gonzalo

Alegría, conversación, corazón en suma. Así hemos convivido ratos especiales con Pitusa y Quique.
Nome: 
José Esteban

A primeira vez que entrei pola porta do Estudio de Radio Fene. E me atopei con Pitusa e Henrique, sentinme arroupada en todo momento. E cando salíamos a facer entrevistas fóra, Pitusa e eu, e ela quítame os nervos e apoiame con un sorriso. Moitas grazas aos dous por todo. Non te esquencerei nunca Pitusa. DEP
Nome: 
Tatty

Enormísima perda, quer como persoa, quer como magnífica comunicadora. Radio Fene non será igual sen ela. Unha afectuosa aperta para a familia radiofónica que transmite desde o último andar da Casa do Concello, e especialmente para Quique, o seu compañeiro con maiúsculas.
Nome: 
Henrique Dacosta

Que aterra lle sexa leve. Forte aperta a Quique.
Nome: 
César Arba

Lamento a perda desta boa compañeira. Un saúdo e ánimo ao seu compañeiro Quique.
Nome: 
Severino Fernández Abel

Unha muller boa, positiva, alegre, xenerosa, e loitadora. Sinto moito, e sinto a dor da súa parella, fillo, familia e amigos máis próximos.
Nome: 
Consuelo Facal Casado

Mucha pena por la pérdida de Pitusa, mi alumna de francés en la Universidad. Persona culta y encantadora, guardaremos de ella el recuerdo de su cariño y su alegría. Ella me hizo descubrir Fene. Un abrazo a su familia
Nome: 
Cristina Mandic

Gran perda. Triste tempo. Moita forza para a súa familia. Foi un pracer terte coñecido
Nome: 
Francisco Maceira

Foi un pracer coincidir contigo nunha parte do camiño. Que a terra che sexa leve!
Nome: 
Viqui Salgado

E de súpeto, as lembranzas de hai ben anos enchen momentos que semellaban perdidos... Un bico, Quique
Nome: 
Rafa Sisto

Se cadra volvemos pasear pola Alfama para despedirnos. Chao Pitu.
Nome: 
Xurxo Bértola

Pitusa,recordaré tu buen hacer, empatía asertividad y eterna sonrisa....Un abrazo enorme, compañera
Nome: 
Maite Casanova

Publica o teu comentario agora