O rostro máis criminal da cidade vella

O rostro máis criminal da cidade vella
01 de Setembro, 2022 - 12:05 h. | Publicada por Radio Culleredo

Un roteiro percorrerá lugares emblemáticos da Cidade Vella da Coruña o sábado 1 de outubro. Servirá como presentación do podcast “Lobos doentes”, dirixido por Eugenia Sanmartín, e con guión de Antonio Tizón, a partir da novela do mesmo nome que publicará Xerais en xaneiro de 2023. A cuarta novela negra da serie de Tizón -xa se publicaron libros e podcast de Un home estraño, A antesala luminosa e Os incurábeis- desenvolvese nesta ocasión en localizacións como o xardín de San Carlos, o convento dos dominicos, a praza da Fariña ou a rúa Tabernas.

Antonio Tizón

A actriz e directora Eugenia Sanmartín interpretará fragmentos do programa. Tamén se dirixirán ás persoas participantes o académico Xosé Luís Axeitos, o comunicador Cándido Barral e o músico Xurxo Souto, así como o director de Radio Fene Radiofusión Henrique Sanfiz e o escritor Antonio Tizón.  Cantará o intérprete Óscar Fojo. A camiñada comezará ás 12 da mañá na Libraría Berbiriana e finalizará cun xantar no Hotel Finisterre. As persoas colaboradoras de Son Radiofusión (www.teaming.net/radiofusion) poden formalizar a súa reserva antes do 13 de setembro ás 12 do mediodía ao prezo de 40 euros. Desde esa data abrirase para a cidadanía en xeral cun prezo de 47 euros, incluíndo o correspondente seguro. As persoas interesadas deben formalizar a súa reserva no enderezo electrónico sonradiofusion@gmail.com 
 

Na imaxe, Antonio Tizón, en fotografía de Xan Xe Corral

Cultura

Comentarios

Nome: 
Esther

Publica o teu comentario agora