“¿Quién quiere casarse con mi hijo?” (Cuatro, 21:30 h.)

Programa: 
Televisión
É difícil someter esa práctica de espectador ao carbono14 para datar a súa orixe, mais podería volver aos tempos de “Confianza Ciega” para lembrar xuntanzas de amigos escachados de risa polo sofá abaixo mentres Francine Gálvez procuraba desentrañar os delirios adúlteros de tres parellas enclaustradas nunha illa de adictos ao body-building e ás próteses mamarias. O humor non intencionado foi o que transformou un fracaso televisivo evidente nunha obra de culto. Esa ollada tanxencial é a que aínda mantén a moitos espectadores fieis a “Gran Hermano” e a que permitiu a aparición de realities decididamente hardcore como “Alaska y Mario” na MTV ou “Granjero busca esposa” en Cuatro, cuxa evolución máis depurada é “¿Quién quiere casarse con mi hijo?”. 
Sen que saibamos se a canle lle pagou os royalties debidos ao blogueiro alcumado Hematocrítico, gran e único promotor do termo “tróspido” (neoloxismo que recolle unha sensación entre o pasmo, a incredulidade e a vergoña allea), agora este programa no que nais e fillos de catálogo freak examinan a candidatas a nora e moza (sempre por esa orde) benefíciase e retroaliméntase descaradamente do fenómeno paralelo construído ao outro lado da pantalla. O cal demostra que, como dicía a canción dos O'Jays, saben que “hai que darlle á xente o que quere”. Mais eu prefería, porque se gozaba máis, cando nos ríamos deles e eles non o sabían. Todo comeza a cheirar demasiado a prefabricado. Así que velaí temos un problema “tróspido” que cómpre resolver mentres Luján Argüelles e os casamenteiros volven a Cuatro a partir das nove e media da noite.