“The Pacific” (Antena 3, 22 h.)

Programa: 
Televisión

En apenas un século, a máis cruenta das actividades humanas foi peneirando todas as incomodidades até transformarse nun xogo de estratexia que se decide dende salas ateigadas de equipos informáticos que, como nos videoxogos “Age of Empires”, plasman sobre mapas a colocación das tropas propias e inimigas e, en función do que conte o satélite, se teledirixen avións e mísiles. O corpo a corpo, con baionetas atravesando tripas alleas, forma parte do pasado. E, por incrible que pareza, existe unha glorificación da guerra, e máis do combate á antiga usanza.

Entre todos os conflitos, o cine e e a televisión revisitan de cote a II Guerra Mundial, como pensando que se trata do último gran enfrontamento antes de que o silicio substituíse ao chumbo como a arma definitiva. Steven Spielberg e Tom Hanks especializáronse en financiar como produtores a adaptación ao formato catódico da fórmula que lles deu a gloria con “Salvar al Soldado Ryan”. Tras a premiada “Band of Brothers” idearon “The Pacific” sobre a campaña do Estados Unidos contra o Xapón que lle seguiu ao ataque de Pearl Harbor. Son historias de tempos nos que a guerra aínda non eran imaxes de infravermellos amosando a caída de bombas sobre algunha cidade árabe. Neste caso tanto, tempo pasado e presente foron igual de malos. “The Pacific”, unha serie de dez capítulos, debuta cos tres primeiros a partir das dez da noite en Antena 3.