“Callejeros: Cunetas” (Cuatro, 00:30 h.)

Programa: 
Televisión

Esta é unha introdución demasiado romántica para falar da vida nas caravanas, dos autostopistas, e dos profesionais do transporte por estrada, protagonistas da reportaxe “Cunetas” que “Callejeros” emite en Cuatro ás doce e media desta noite. As autoestradas ofrecen en comodidade e seguridade todo o que perdemos en fascinación e entretemento cando admiramos o ronsel de lugares, obxectos e persoas esparexidas á beira das vías convencionais. Na peaxe da AP-9 non venden grelos ou ovos frescos como aínda se fai nalgunha estrada comarcal; tampouco é unha lotaría entrar nun bar sobre o asfalto porque as áreas de servizo son clons construídos pola empresa concesionaria; e para os que viaxan de acompañantes non hai arquitectura delirante coa que se entreter. Ás veces, de bo grao a cambiariamos pola Ruta 66, que foi ao século XX o que o Camiño de Santiago ao XII. As cunetas, que tanta morte representaron na España do 36, poden chegar rebordar de vida. Entre elas, algúns viaxamos ausentes. Polo menos se, como é o caso desta sección, marchamos de vacacións de verán.