“Callejeros: Manga del Mar Menor” (Cuatro, 22.30 h.)

Programa: 
Televisión

“O Manhattan español”, di a sinopse do programa que é ese estreito paseo, pero polas miñas lembranzas o cualificativo quédalle algo grande. Alí onde Manhattan é todo glamur e mítica cinematográfica, a Manga é, como case toda a costa mediterránea sobreexplotada para o turismo, unha apoteose do kitsch, como un almacén chinés pero con edificios residencias que (niso si se parece á illa neiorquina) se apertan os uns contra os outros nunha faixa ridícula de terreo.

Dos dous mares dos que fala a reportaxe lembro dúas cousas: que o golfo formado no Mar Menor, por onde circulaban a velocidades de vertixe xubilados en pedaleiras como se fosen os pilotos da grella de Fórmula un, máis que un mar semellaba un lago de mexos, quente como estaba aquel auga, que ata daba arrepío meterse para os que acostumamos a cortar a circulación nese xeo feito ondas das praias do norte galego; e tamén me acorda que ao outro lado da península, cruzando nun paseo de dous minutos, chegabas ao Mediterráneo, case igual de quente e onde os pes humanos servían de entretemento á poboación de medusas que facía da Manga tamén o seu paraíso turístico.

Polo medio de todo iso, tensión urbanística insoportable, piano bares, cine ao aire libre (nunca me gustou tanto “Bailando con lobos” como naquela noite a 30 graos de temperatura) e todos os tópicos do turismo levantino, os mesmos que presentará esta noite “Callejeros” en Cuatro a partir das dez e media.