“Callejeros: Ovni” (Cuatro, 22.30 h.)

Programa: 
Televisión

“Callejeros” dedica unha reportaxe especial ao fenómeno dos obxectos voadores non identificados, na que un policía confesará ter redactado un informe sobre o día en que descubriu aos visitantes do espazo exterior. Algúns non é que visen o disco voador, senón que chegaron a bordo da nave. As cámaras do programa localizan a un paisano que viaxou galaxias dentro dunha lavadora e a outro que ten o cerebro tan desenvolvido que é capaz de manter tres conversas a un tempo, por certo, nada que un adolescente ben adestrado non poida facer co móbil nunha orella, o fixo noutra e o Messenger e o Facebook abertos no ordenador. Moita ilusión hai polo contacto extraterrestre, cousa que non acabo de entender tendo en conta o que xa nos costa levarnos ben aos que andamos por aquí, para ter ademais que aturar a veciños aos que lles dea por comer ratas, como Diana a de “V”.

Hai outras galaxias e xa están aquí é o que conta “Callejeros” na reportaxe “Ovni”, que Cuatro emite ás dez e media da noite.