“Cine: Celda 211” (Cuatro, 22:30 h.)

Programa: 
Televisión

“Celda 211”, e isto é o mellor que se pode dicir de calquera thriller que presuma de selo, vese co cu apertado pola tensión, preguntándose a cada momento que demo fai un mozo tan anxelical como Alberto Ammán para acabar liderando unha revolta indignada no penal. Mentres o tren do cárcere avanza irremediablemente cara o descarrilamento, cunha velocidade que para si quixera o tren Avant a Ourense, asistimos a unha lectura nada maniquea sobre os mecanismos dos prexuízos e a violencia como combustible para a fatalidade. Debémoslle ao director Daniel Monzón unha película nada acomplexada e magnífica que ten como guinda da súa importante participación galega a esa recreación inmortal do ionqui coruñés que interpreta Luís Zahera. Nunha combinación de números que tal vai parecer que estea dando o resultado da Bonoloto, non hai máis que dicir que Cuatro emite “Celda 211” nun programa duplo de cine que inclúe tamén “La Caja 507” a partir da dez e trinta minutos da noite.