“Clásicos de La 1: Lo que el viento se llevó” (La 1, 22:15 h.)

Programa: 
Televisión

A pouco apropiada relación da superprodución sobre a novela de Margaret Mitchell co medio televisivo conferiulle unha riqueza extra á longametraxe que, a base de reposicións, ofrécelle ao espectador a oportunidade de realizar unha deconstrución da súa estrutura que rite ti da “Rayuela” de Cortázar, do “Memento” de Nolan, ou dos “21 gramos” de Iñárritu. Coido que foi aló por 1985 cando vin, de esguedello, como lle apertaban o corpiño a Escarlata. Se cadra un inverno de 1999, facendo zapping, din coa escena na que promete que nunca vai ficar famenta. E aló por 2004, debeume cadrar un día, antes do “Telediario” da noite, ver a Rhett Butler mandar elegantamente á protagonista a paseo. Así é “Lo que el viento se llevó” na pequena pantalla, un bucle que non cesa e no que podemos entrar e saír en calquera momento até que un ano, no final do noso tempo, completemos o desafío de ter visto a película enteira. Porque hoxe, que La 1 a volve pasar dende as dez e cuarto da noite, a estimación é que a emisión remate ás dúas da madrugada. E tendo que madrugar, pois o interese non é tanto, ou como diría o galán: “Francamente, querida...”, etc, etc.