“Comando Actualidad: Aquí sí que hace frío” (La 1, 22:15 h.)

Programa: 
Televisión

“Aquí sí que hace frío” é o intento de “Comando Actualidad”, o programa de reportaxes de Televisión Española, por provernos dunha vara de medir para saber se cando cacarexamos de frío somos uns mexericas ou temos motivos reais para estar replicando o son dunha máquina de escribir cos dentes. Os equipo de presentadores convivirá cun feixe de persoas afeitas a vivir por baixo da temperatura á que auga conxela e sen necesidade de viaxar a Moscú, ese lugar onde habita o reverso exacto dos termómetros de Sevilla: o que nunha cidade son graos positivos, no outro réstanse.

Os protagonistas serán xente que traballa en almacéns de frío, que decide vivir baixo unha ponte antes que nun albergue, ou afeccionados a mergullarse nun lago xeado. Máis argumentos para a teoría da relatividade, a que permite afirmar que o corazón tremelica menos esquiando un monte nevado de Baqueira Beret que contemplando unha vivenda a medio facer con uralita e portas de aluminio gris nunha paraxe calquera do rural galego. Iso si é unha fortaleza de xeo para a alma e non a de Superman.

“Comando Actualidad” emítese quince minutos despois das dez en La 1.