“Comando actualidad: Buena gente” (La 1, 22:15 h.)

Programa: 
Televisión

O cruceiro do benestar naufraga como o Costa Concordia e as prazas no bote salvavidas só as teñen garantidas os que as poidan pagar. Porén, sempre hai unha fera disposta a aleitar a outra, sempre un nadador disposto a manter a outro a flote. A iso ficará reducida a protección social: á caridade e ao voluntarismo das ONG. Cando elas manexen toda a atención cidadá que viña prestando o Estado, sobraranlle a este cartos para rescatar bancos e contratar obras a amigos. Levémonos ben cos veciños: nunca sabemos quen terá que cambiarnos os cueiros cando sexamos velliños.

“Comando Actualidad” preséntanos hoxe un catálogo de benfeitores anónimos, adictos ao agradecemento que procuran o golpe de adrenalina botando unha man e dispostos a que lles collan o brazo. E resultan que o fan gratis, sen copago. Velaí reside o futuro sector público: niso tan antigo que chamamos humanidade. “Buena gente” chámase a reportaxe que La 1 emite ás dez e cuarto desta noite.