“Comando Actualidad: Comunidad de vecinos” (TVE, 22.15 h.)

Programa: 
Televisión

Nunca comprendín moi ben como é que non se lle permite aos posibles compradores dunha vivenda socializar durante unha fin de semana cos seus futuros veciños no inmoble, para saber se hai empatía, se respectan a mínima urbanidade e se a condena de 30 anos de hipoteca se vai poder cumprir en paz ou arrepentíndose a cada minuto do diñeiro investido en 13, Rue del Percebe. A disposición das residencias humanas en forma semellante á dos panais das abellas non impediu que, malia a abolición dos marcos de fincas, continúen a agromar cada certo tempo os instintos asasinos entre veciños. Os reporteiros de Televisión Española indagan no xermolo de Puerto Hurraco, Fago e demais crónica negra retratando problemas de convivencia: ruídos, obras, malos cheiros, orxías a voz en grito, festas ilegais e demais catálogo de problemas que animan a coller a mochila e marchar ao monte a facerse anacoreta. “Comunidad de vecinos” é o capítulo desta semana de “Comando Actualidad” que se emite ás dez e cuarto da noite en La Primera.