“Comando Actualidad: El invierno más frío” (TVE, 22.15 h.)

Programa: 
Televisión

De entre todas as reflexións do informe “El invierno más frío”, que así se chama o programa desta noite, cómpre ficar con unha: o frío dispara a natalidade en Europa. Velaí unha explicación racional aos comportamentos landistas do español medio que apuntaba ás suecas como destinatarias ideais da súa proxenie. Nos lugares xeados, a necesidade de contacto físico supera os escrúpulos estéticos e o sexo é un abrigo térmico natural de primeira orde.

Antes de que se disparen as reservas de voos a Estocolmo, tamén cabe sinalar que en moitos deses países fríos hai estar atentos á presión atmosférica, que experimenta caídas de súpeto que tiran a tensión das persoas polo chan. Algún seguirá respondendo que para equilibrar os niveis e apuntar cara a hipertensión abonda con lanzarse “a por las suecas”. Historias do frío e dos remedios para superalo cóntanse en “Comando Actualidad” a partir das dez e cuarto da noite.