“Comando Actualidad: Fe ciega” (La 1, 22:15 h.)

Programa: 
Televisión

Este día case atragoei coa cea ao escoitar nun zapping televisivo o intercambio entre un futurólogo místico e a súa clienta. “Vas facer unha viaxe”, dixo el botándose ao río. “Unha viaxe?”, espetoulle ela, como se nunca cruzara a porta da casa. “Muller, unha viaxe curta, duns cen quilómetros”, corrixiuse el ameazado pola sospeita. “Como que unha viaxe?”, insistía ela, a que xa imaxinábamos todos como unha muller burbulla. “Vaites, vexo que é unha viaxe en metro”, resolveu el recuando do seu prognóstico como un covarde sen ollos para o futuro”

“Comando Actualidad” achégase á afección polo paranormal e as promesas dun futuro esplendoroso que seica medran en tempos de crise económica. Os reporteiros de Televisión Española visitarán dende un negocio de videncia de alto standing, cuxa pitonisa afirma que le a man de empresarios e políticos (mimadriña, estamos condenados!), ata curandeiros tradicionais, pasando polos polémicos programas televisivos de recadación monetaria a cambio de lectura instantánea do tarot. “Fe ciega” é unha peza que se emite ás dez e cuarto da noite en La 1.