“Crónicas: Bajo el sol de Torremolinos” (La 2, 23:30 h.)

Programa: 
Televisión

En séculos que están por vir contarase a chegada do turismo foráneo de maneira similar a como se relata hoxe a historia da península gobernada por Almanzor, e así onde agora falamos da Mesquita de Córdoba ou a Alhambra de Granada, os que nos sucedan glosarán as urbanizacións do Levante, a pequena Alemaña en Mallorca e, sobre todo, a primeira gran batalla da invasión guiri, Torremolinos.

O espazo de reportaxes “Crónicas” dedica o seu último programa a falar desta vila que os estranxeiros alcumaron como a dos tres eses, “sea, sun and sex”, un paraíso aínda ignoto a mediados do século XX, ao que arribaron estadounidenses e europeos na procura de sol e praias baratas coas que curar as feridas dos conflitos bélicos recentes. “Bajo el sol de Torremolinos” é unha peza que anticipa o nacemento da industria turística española, a primeira fonte de riqueza do Estado, e que se emite ás once e media en La 2.