“Crash” (Antena 3, 23.30 h.)

Programa: 
Televisión

Velaí está a vitoria da madrugada de antonte da historia modesta de  “Slumdog Millionaire” sobre a multinominada “Benjamin Button”, un deses contos grandilocuentes protagonizados por estrelas planetarias. E tamén foi o caso en 2006 de “Crash”, a sorpresa de aquel ano que se estrea en Antena 3 esta noite.  “Crash” é como unha versión da célebre “21 gramos” rebaixando a dose de patetismo do relato e as ínfulas de trascendencia do director e facendo máis dixerible o conto de varios personaxes cuxas vidas chocan arredor dun feito tráxico. Hai a quen lle pareceu un filme menor, pero non cabe desprezar o seu gran logro: rehabilitar para o cine dramático nunha soa longametraxe e dunha tacada a Sandra Bullock, Brendan Fraser e Matt Dillon. A aparición do cadáver dun home asasinado nunha estrada de Os Ánxeles válelle a Paul Haggis, avezado guionista que aquí fai de director, para encaixar un quebracabezas de prexuízos sociais e relacións sentimentais que mereceu tres Oscar, entre eles os de mellor libreto orixinal e mellor longametraxe. Logo do partido de Champions, ás once e media da noite, estréase “Crash” en Antena 3.