“Cuéntame cómo pasó” (TVE, 22 h.)

Programa: 
Televisión

A proposta é excelente e vai recollendo o interese dos espectadores polo camiño: insírese a unha familia de ficción nun período histórico e as tramas propias contan co reforzo da nostalxia para ir captando espectadores. Canto máis permanece o programa máis xente se pode ir incorporando porque chegan a momentos xa vividos. Este ano debérame tocar a min, porque asoma xa o 1977, momento dende o que eu xa andaba troulando por aquí malia que tivese o mesmo pouco sentido que agora. Pero non teño que facerlle, e a cousa non me chama. Resulta que o honrado Antonio Alcántara medrou e mesmo aspira a un cargo de ministeriable no goberno de Adolfo Suárez e de igual maneira o resto da familia transformou as súas vidas.

Pero hai un sinal inequívoco de que a caducidade se aproxima: cando o cativiño da familia agora é xa un adolescente coa hormona disparada e reproduce as mesmas tramas ás que xa se tiveran que enfrontar os seus irmáns maiores nas primeiras tempadas, os mesmos que agora teñen que exercer de pais, semella que o círculo vaise pechando. Mais grazas á fórmula de “Cuéntame”, mentres haxa hemerotecas haberá argumentos novos, así que, polo de pronto, o programa sigue pero o meu escepticismo tamén. O capítulo titulado “Los nombramientos siempre llegan en moto” emítese ás dez da noite en Televisión Española.