“Debate Eleccións Galegas 2012” (TVG, 21:30 h.)

Programa: 
Televisión

A culpa non é dos sufridos homes e mulleres que poñen a faciana nos carteis. A eles prometéronlles carisma e, como os futbolistas aplicados, saen xogar o partido no lugar que lles mandan os expertos en comunicación electoral. Normalmente é na defensa. Contábase do férreo adestrador arxentino Héctor Cúper que aquel home que se atrevía a facer unha finta en campo propio diante dun rival en troques de despexar cunha couce non volvía xogar no seu equipo. Así tamén os candidatos desempéñanse nas súas comparecencias ao patadón, sen unha soa concesión ao talento particular que puideran ter. E daquela dise que non quedan xa grandes parlamentarios, estadistas como os de antano: o que non hai son personalidades capaces de impor o seu criterio ao das “ideas forza” que un gabinete especializado lles esixe repetir cunha frecuencia determinada en cada alocución. As máis das veces as ideas son febles. O que resultan son forzadas con calzador.

Había 19 anos que en Galicia non se celebraba un debate electoral televisado. Dende os tempos de Sánchez Presedo e Fraga, que é algo así como retrotraerse ao Antigo Testamento. Custa pensar que o diálogo desta noite entre Alberto Núñez Feijóo e Pachi Vázquez que a TVG vai emitir ás 21:30 horas poida ser mellor que calquera cousa que se falara hai dúas décadas. Sobre todo porque cada vez en Galicia abren máis McDonald's e porque hai moito tempo que non me regalan caramelos de anís.