“Deep Blue Sea” (TVG, 22.50 h.)

Programa: 
Televisión

Resulta que coa intención de conseguir melloras para os enfermos de alzhéimer, a doutora Susan McCallister altera a capacidade cerebral dunhas quenllas. Os animais reaccionarán con violencia contra os seus coidadores, rebelándose e atacando con fereza o centro científico e poñendo en perigo a vida dos seus moradores. Velaí a sinopse dunha aventura que transcorre nunha instalación mergullada e na que pasas boa parte do tempo pendente da aleta de tiburón, e non precisamente polas súas propiedades afrodisíacas. O filme conta coa aparición estelar de Samuel L. Jackson, pero sobre todo coa súa desaparición máis estelar aínda, nun dos mellores sustos que eu teño levado nas escasas ocasións nas que vexo pelis de medo. Non che quero nin contar se chegara a ser en 3D. “Deep Blue Sea” comeza ás once menos dez na TVG.