“El último boy scout” (TVE, 23 h.)

Programa: 
Televisión

Para xustificalo, acudirei a esa fonte de coñecemento que está a arruinar a vida aos viaxantes da Larousse por mais que non sempre sexa fiable fiarse de artigos enciclopédicos que poden editar adolescentes impresionables ou mesmo eu, que non destaco por un criterio sagaz. A Wikipedia conta do filme protagonizado por Bruce Willis e dirixido por Tony Scott que é unha das longametraxes que máis repiten a palabra “fuck” ou “foder” en galego. Escóitase o xuramento máis dun cento de veces en todas as súas variedades, e iso sumado á boa carga de sexo e violencia, fixo que varias asociacións relixiosoas considerasen a historia “moralmente ofensiva”. Pode haber unha peli oitentera de acción -malia que esta é do ano 91- mellor con todos eses credenciais?

 

Polo demais, é a típica historia de ex axente fracasado, un poli perdedor que se enlea no medio dunha historia que resolverá grazas a un colega necesariamente de raza negra, como en “Arma letal” e outros fitos do xénero das buddy movies. A película comeza cun prólogo salvaxe e xa non baixa o nivel, subministrando adrenalina e escenas de chulería macho-man cun ritmo case imposible de aturar. Eu marcho a mercar paquetes de pipocas de millo para facer no microondas, que esta noite fico na casa: pasan “El último boy scout” ás once da noite en Televisión Española.