“El Cabo del Miedo” (La Sexta, 22.15 h.)

Programa: 
Televisión

A Scorsese ténselle por un director serio e nos anos 90 deulle por revisitar un filme antigo no que saía Robert Mitchum e actualizalo poñendo no seu lugar a un Robert DeNiro pasado de rosca. Encarna ao criminal Max Cady, que sae de prisión tras moitos anos e decide vingarse dun avogado interpretado por Nick Nolte e que conta cunha sensual familia, representada por Jessica Lange e unha sensual Juliette Lewis, que aínda chupaba o dedo literalmente. O resto é historia. Trátase dun thriller tenso no que DeNiro persigue a Nolte chamándoo como se chaman ás pitas no curral: “Avogaaado, avogaaaado, sal ratiña, quero ver a túa coliña”. A escena fixo fortuna ata como publicidade radiofónica e fica como exemplo da maneira en que a dobraxe pode conferirlle ao produto orixinal unha relevancia que non tiña: fáltanos decidir se para ben ou para mal. “El Cabo del Miedo” pásase en La Sexta ás dez e cuarto.