“El documental de La 2: Comprar, tirar, comprar” (La 2, 23 h.)

Programa: 
Televisión
Saber que calquera escolla de compra que faga non é transcendente porque a súa vixencia será breve, reconfórtame o espírito. Imaxinen un mundo no que só mercásemos unha lavadora para sempre, un xersei de lan para todos os invernos, un sistema de vídeo Betamax para tirar até os restos. Aínda que non o pareza, a durabilidade dos produtos é unha cuestión profundamente inhumana, que equipara a importancia da compra dun electrodoméstico á decisión dun matrimonio. 
Non hai tantos meses os muros de Facebook de millóns de persoas enchéronse do mesmo vídeo de Youtube multiplicado até a saciedade, proclamando un universal “Se xa o dicía eu”. Aí estabamos todos, terriblemente recalcitrantes, oufanándonos de que, tal e como sospeitabamos, as industrias fan os produtos para que non duren e así multiplicar o ciclo do consumo até o infinito. Mesmo aprendemos a pronunciar a palabra “obsolescencia”. Debémosllo a un documental de gran éxito que agora La 2 recupera en versión estendida, fornecendo á audiencia de máis argumentos para resistirse á tiranía da caducidade. O título da peza que se emite a partir das once da noite é “Comprar, tirar, comprar”, unha herexía para os están conformes coa vida eterna das nosas decisións.