ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Non podo remediar o gozo primitivo que me produce a contemplación dunha sonora, redonda e espléndida trompada allea. Quero conter os meus instintos, pero entre o aceno de horror e pasmo fúxeme sempre da boca unha gargallada pouco disimulada, desas que escorregan entre os ocos da vontade, como se a un lle estivesen a facer cóxegas. Non me culpen. Buster Keaton e Chaplin xa sabían de que ía o conto e ben que o explotaban. E para xente desprezable coma min hai infinitas recompilacións de vídeos en internet que, xuraría, teñen un poder reparador das endorfinas que xa quixera o Prozac.
Velaí unha das múltiples aplicacións do Youtube, algo así como a Biblioteca de Alexandría en versión vídeo (iso se a maioría do desaparecido tesouro bibliográfico fose un compendio de parvadas). O que hoxe somos non está tanto nas redes sociais como nesa plataforma de retransmisión na que hai xente que se grava falando a cámara para compartir as súas opinións co mundo, outros que ofrecen leccións gratuitamente daquelas habilidades que dominan, os que documentan canta curiosidade atopan, e os que, con afán enciclopédico, poñen moito coñecemento en formato audiovisual ao noso libre dispor. Polo seu ollo que todo o ve cabe calquera cousa. Calquera. Por iso é o caldo de cultivo de fenómenos culturais de índoles case paranormal, de Justin Bieber a Wendy Sulca. Por iso posibilita que arredor de todos eles se celebre en Madrid o festival “Youfest” ao que Antena 3 dedica a reportaxe “El poder de Youtube” e por iso non tardará moito o día en que, con todo o seu poder, esta plataforma de internet se tome vinganza xubilando a un medio, a televisión convencional, cada vez máis caduco, pero que aínda se permite a soberbia de programar pezas como esta á medianoite.