“El pollo, el pez y el cangrejo real” (La 2, 22 h.)

Programa: 
Televisión

Existen as costureiras e xastres, e logo está a alta costura, que se fai para crear tendencia e non para que as mulleres vistan pola rúa as plumas de cacatúa con peito ao aire que prescribe John Galliano. E logo está a cociña, que é o que fago eu cando fago unha tortilla, e tamén a alta cociña, que consiste en deconstruír o sentido tradicional do padal para liofilizar o noso gusto, sexo o que sexa isto que acabo de dicir. Ferrán Adriá vén de pechar o seu restaurante El Bulli porque afirma que o ritmo de traballo non lle permite investigar e crear, e el antes de cociñeiro é frade desa alta cociña.
O mundo da gastronomía de elite non che é cousa de que o entrecosto quedase pasado de máis ou se che fose a man co vinagre na ensalada. Hai moitos apuros e responsabilidades, como os que se contan no filme documental “El pollo, el pez y el cangrejo real”, que son os pratos que o cociñeiro Jesús Almagro tivo que preparar no Campionato Mundial de Cociña Bocouse d’Or, e onde o pulso para o fogón sométese á tiranía propia da crítica de arte, ás veces tan esixente e acertada, moitas outras tan snob.

Eu acabo de investir un montón de liñas falando de nada para referir en tan só dúas a película que é obxecto do comentario de hoxe. Se cadra non ando tan lonxe da miña meta de acceder ao xornalismo de pura invención ou alto xornalismo. Reflexionarei sobre iso durante a emisión deste thriller que se pasa ás dez da noite en La 2.